Ordenanza municipal para prevención dos incendios e ordenar as plantacións de árbores forestais e frutais Ordenanza
reguladora das limitacións para realizar plantacións de árbores
forestais e frutais, e traballos de explotación forestal, con respecto
a conservación do uso dos terreos colindantes e a prevención contra
incendios forestais no Concello de Monforte de Lemos. Artigo
1º.- Fundamento. De conformidade co establecido no artigo
591 do Código Civil, no Decreto 2661/1967 de 19 de outubro polo que se
aproban as ordenanzas ás que teñen que someterse as plantacións
forestais en canto á distancia que deben respetar coas fincas
colindantes, na Lei 7/1985 de 2 de abril Reguladora das Bases de Réxime
Local ( artigos 25, 28 e 49, na Lei 81/1968 de 5 de decembro sobre
incendios forestais (artigos 21 e 25). Esta ordenanza pretende poñer
certas limitacións á hora de realizar traballos de plantacións de árboles
forestais ou frutais e traballos de explotación forestal, co propósito
de preservar os usos agropecuarios dos propietarios colindantes,
protexer contra o risco de incendios forestais e protexer tamén contra
os desperfectos que poden causar os traballos de explotación forestal. Artigo
2º.- Distancias nas plantacións de árbores con respecto ós
colindantes, según o uso que lle dean. A.
Con
respecto ós cultivos agrícolas, hortícolas, frutícolas e pastícolas. -
Nas especies do xénero Eucaliptus
(diferentes tipos de eucaliptos), a distancia mínima será de 50
metros. -
Nas especies de coníferas (diferentes tipos de piñeiro, abetos
e similares), a distancia mínima será de 8 metros e a dos viñedos 10
metros. -
Nas especies de frondosas con porte forestal (carballos, castiñeiros,
cerdeiras, chopos, etc.), a distancia mínima será de 8 metros e a dos
viñedos de 10 metros. -
Nas especies de frondosas de porte froiteiro ( castiñeiros,
cerdeiras, mazairas, concheiros, etc.), a distancia mínima será de 4
metros.
B. Con respecto a
cultivos forestais e matogueiras. -
Nas especies do xénero Eucaliptus (diferentes tipos de
eucaliptos), a distancia mínima será de 25 metros. -
Nas especies de coníferas (diferentes tipos de piñeiro, abetos
e similares), a distancia mínima será de 3 metros. -
Nas especies de frondosas con porte forestal (carballos, castiñeiros,
cerdeiras, chopos, etc.), a distancia mínima será de 4 metros. - Nas especies de frondosas con porte froiteiro (castiñeiros, cerdeiras, mazairas, concheiros, etc.), a distancia mínima será de 4 metros. C. Con respecto a núcleos rurais e urbanos, vivendas illadas e outras edificacións con actividade ou susceptibles de tela. -
Nas especies de xénero Eucaliptus ( diferentes tipos de
eucalipto), a distancia mínima
será de 100 metros. -
Nas especies de coníferas (diferentes tipos de piñeiros, abetos e
similares), a distancia mínima será de 100 metros. -
Nas especies de frondosas con porte forestal (carballo, castiñeiros,
cerdeiras, etc.), a distancia mínima será de 25 metros. -
Nas especies de frondosas de porte frutal (castiñeiros, cerdeiras,
mazairas, concheiros, etc.), a distancia mínima será de 6 metros. D.
Con
respecto a fontes naturais e manantiais de auga de uso público. -
Nas especies de xénero Eucaliptus (diferentes tipos de eucalipto),
a distancia mínima será de 100 metros. -
Nas especies de coníferas (diferentes tipos de piñeiros, abetos e
similares), a distancia mínima será de 15 metros. -
Nas especies de xénero Pópulus (diferentes tipos de chopos), a
distancia mínima será de 15 metros. -
Nas especies de frondosas con porte forestal ( carballos, castiñeiros,
cerdeiras, etc) a distancia mínima será de 10 metros. -
Nas especies de frondosas con porte froiteiro ( castiñeiros,
cerdeiras, mazairas, concheiros, etc.), a distancia mínima será de 10
metros. E.
Con
respecto a cursos de auga (ríos e regatos). -
Para tódalas especies, a distancia mínima será a que estableza a
Confederación Hidrográfica. F.
Con
respecto ás conduccións da auga (tuberías). -
Para tódalas especies, a distancia mínima será de 4 metros a
cada lado da conducción. G.Con
respecto ás liñas eléctricas. -
Para tódalas especies, a distancia mínima será a que, según o
tipo de liña, se teña establecido dentro da normativa da compañía eléctrica,
titular da mesma (soe ser de 8 metros para baixa e media tensión e de 15
metros para alta tensión). H.
Con
respecto a vías públicas municipais. -
Para tódalas especies, a distancia mínima de plantación será de
4 metros contados dende a
arista exterior da vía pública, entendéndose que a arista exterior é o
borde exterior da cuneta do camiño ou estrada destinados á circulación
de vehículos en xeral. -
As distancias mínimas previstas neste artigo poderán reducirse,
previo informe favorable do Concello e a solicitude do interesado, nas
plantacións ou repoblacións cando éstas non sexan susceptibles de
ocasionar dano ou perxuizo a algún colindante. A tal efecto o interesado
deberá presentar unha declaración de conformidade firmada por tódolos
propietarios dos predios colindantes. -
Esta ordenanza non será aplicable para as árbores illadas de un
ou varias árbores que non constitúan unha masa arbórea e sempre que as
árbores sexan nobres.
Artigo
3º.- Normas sobre colindancia - A
efectos desta ordenanza, non se considerará rota a colindancia entre as
plantacións e as fincas próximas, aínda que existan entre elas vías públicas,
cursos de auga (ríos, regatos, etc.) ou similares, debendo ser respetadas
as distancias sinaladas en cada un dos casos do artigo 2º. Artigo
4º.- Limpeza de fincas próximas a vivendas. -
Os propietarios de fincas ubicadas a menos de 50 metros de vivendas
e outras ou do límite de algún núcleo rural ou urbano ou demáis
edificacións estarán obrigados á súa limpeza, de tal forma que non
supoñan un perigo en caso de incendio forestal servindo de barreira
contra a propagación do lume cara as mencionadas edificacións. -
No caso de que os propietarios non realizasen estas labouras de
limpeza, podería o Concello executar subsidiariamente estas labouras de
limpeza, cargándolle os gastos ó propietario. -
Voo e invasión do
arborizado. En calquera
plantación que dea orixe a que o seu arborado sobrevoe ou irrompa coas raíces
tanto en cultivos agrícolas ou praderías, como en camiños públicos,
canal de auga, vías e núcleos urbanos, así como respecto a calquera
tipo de edificación, os propietarios deberán adoptar as medidas que
impidan tales ocupacións, tanto do solo como do subsolo e do espacio aéreo,
incluídos árbores illados. -
Cando se trate de invasión de árbores nas vías públicas os seus
propietarios estarán obrigados á poda correspondente, deixando libre
unha altura mínima de 5 metros tomados dende o nivel do solo. Artigo
5º.- Normas para a execución de traballos de explotación forestal -
Nos aproveitamentos
forestais (cortas, claras,
etc.) e operacións selvícolas (podas, clareos, et.) que produzan
residuos capaces de producir risco de incendio, deberanse trata-los
residuos (leñas, cortezas, etc.) de xeito que desapareza o risco. No caso
dos montes xestionados pola Administración forestal, eles tomarán as
medidas axeitadas para elimina-lo risco. -
Unha vez terminado os traballos de explotación, as vías públicas
e fincas colindantes deberán quedar en perfecto estado, limpos de
residuos e sen ningún tipo de desperfecto (firme das vías e elementos
constructivos, muros de fincas, etc.) -
Co fin de garanti-la conservación da rede viaria municipal e
evita-lo risco de accidentes, será preciso solicitar autorización para o
transporte e depósito de madeira, procedente dos traballos de explotación,
polas vías públicas de titularidade municipal. Na solicitude
especificarase a situación da finca de onde se vai extraer a madeira,
lugares onde se vai almacenar, vías públicas por onde se vai
transportar, características dos vehículos que se empregarán, así como
os días previstos para realizar o transporte, adxuntando fotocopia do
permiso de tala da Administración Forestal cando éste sexa preciso. A
autorización municipal será obrigatoria e gratuita, sen embargo o
titular da empresa madereira deberá ingresar na Tesourería Municipal
unha fianza, valorada por un técnico municipal para cubrir, en caso
preciso, os danos orixinados na rede viaria, que será devolta, de non
haber danos ó rematar os traballos. Tamén o mesmo técnico valorará,
antes de realiza-lo aproveitamento, si se autoriza o emplazamento das
zonas de almacenamento e percorrido dos vehículos, prohibindo de antemán
o apilado de madeira en cunetas e a invasión da vía. -
Se fose preciso por incumprimento do establecido, e sen perxuizo da
adopción doutras medidas oportunas e o exercicio das accións legais
correspondentes, procederase á execución subsidiaria da
reparación de danos, segundo o establecido na lexislación de
procedemento administrativo. Artigo
6º.- Cumprimento da Ordenanza e Réxime
Sancionador. Sen perxuizo de ordenar ó infractor que repoña o terreo ó seu estado primitivo, cando incumpra as obrigas establecidas no artigo 2º da presente Ordenanza, o Concello, previa tramitación do correspondente expediente, poderá sancionar cada infracción con multas coercitivas que oscilarán entre os 150 e 3.000 euros, atendendo á gravidade de cada infracción, ata que as plantacións sexan retiradas e cumpran o establecido nesta ordenanza. En todo caso, se fora preciso, o Concello procederá á execución subsidiaria, pasándolle os gastos ocasionados ó infractor, sen perxuizo de poñe-los feitos en coñecemento da autoridade xudicial e o Ministerio Fiscal. Disposicións
Adicionais. -
Primeira.- As distancias de seguridade con respecto ás edificacións que
se contemplan nesta ordenanza non serán de aplicación nas edificacións
radicadas nos viveiros forestais. -
Segunda.- As distancias das plantacións de árbores ás vías públicas
que non sexan de titularidade municipal rexiranse polos mínimos
establecidos nesta ordenanza, polo que estableza a lexislación de carácter
xeral e o organismo titular da vía en cuestión.
Disposicións
transitorias -
Primeira.- Mentres non se aprobe definitivamente a delimitación dos núcleos
rurais e urbanos do municipio, as distancias referidas ós límites
tomaranse dende a liña perimetral que una as edificacións extremas do núcleo.
En canto ás vivendas illadas e outras edificacións as distancias
tomaranse dende os muros exteriores do cercado da finca, se os ten, ou da
propia vivenda ou edificación, se carece de cercado. -
Segunda.- As plantacións existentes no momento da entrada en vigor da
presente ordenanza disporán dun prazo para adaptarse á mesma dun ano
para aquelas que supoñan un risco de incendio forestal para as vivendas e
outras edificacións, e de 15 anos para as outras. Disposición
Final A
presente ordenanza que consta de 6 artigos, dúas disposicións
adicionais, dúas disposicións transitorias e unha disposición
final, entrará en vigor unha vez aprobada polo Concello e publicado o seu
texto completo no Boletín Oficial da Provincia (BOP) de Lugo, e
transcorrido o prazo previsto no artigo 70.2 en relación co 65.2 da Lei
7/85, de 2 de abril Reguladora das Bases de Réximen Local,
permanecendo en vigor mentres a Corporación Municipal non acorde a súa
modificación ou derogación expresa. |